Non sei o que quero disir, ata que de súpeto, seino.
Non sei se me dou explicado.
Cando chegha a noite escoito o bater das ondas na praia.
Un ghato aproveita a escuridade para se pasear, detense e os nosos ollos coinsiden. Ollámonos un intre.
Na lámpada do corredor descansa un morsegho.
Conduso pola AG-55 e despois por estradas secundarias, primeiro máis ghrandes e despois estreitiñas, con algúns tramos cheos de fochancas.
Fasémonos camiño e pola xanela pasan campos de millo. Recordo cando fixemos o Camiño de Santiagho o outono pasado, por eses mesmos lughares: o millo xa recollido repousando sobre muros de pedra, restos de carosos no chan, a planta aberta, resién parida.
Non sei que disir, penso cando se achegha o día de Ghalisia. Hai demasiados matises e eu non quero dar unha imaxe estereotipada do que é Ghalisia, que non pode ser unha soa cousa, que é un lughar e para cada quen significará algho distinto.
Nos arredores do día de Ghalisia hai baile, hai música, hai bonitos encontros, hai mar plato, hai praia, hai rocha salghada, pel salghada, sestas de vrao, paseos, días longhos comarea. Un día escalamos na costa, e de volta, abraiadas co solpor, berramos: querémoste Ghalisia!
Nos arredores do día de Ghalisia tamén hai choio, cansansio, un par de días de forte dor de cabesa, peitos e ventre hinchados, e sangrhe. O sobe e baixa do corpo, como o da terra, o da marea, o do millo.
Nos arredores do día de Ghalisia hai lume. Uns vémolos condusindo por esas mesmas estradas, o seo laranxa paresía o solpor, pero era o monte ardendo. Almorsamos varios días escoitando na radio a evolusión dos máis afastados.
Conduso de novo por unha estrada estreita, fochanca sobre fochanca, á beira do mar. Levo os pés con restos de area, queimeime un pouco o pescozo e a liña do ventre que deixaba a descuberto a camiseta. O rebumbio do día deu paso a un solpor calmo. E aínda que xa pasan das sete da tarde, fai calor.
Observo a paisaxe amodo —ela e máis eu ollámonos un intre—. Sinto con forsa que quero disir algho, non sei aínda moi ben o que, pero sinto o xermolo a se remexer dentro meu, presionando para medrar e saír ao mundo.
Seica os lughares son entes vivos. Seica Ghalisia é coma una ser, unha persoa, un animal, con todos os seus sentires, fases e complexidades. Nós deixamos peghada nos lughares pero os lughares tamén nola deixan.
Os electróns mudan o seu comportamento ao seren observados. Na presenza do outro, alterámonos de xeito mutuo.
De súpeto, síntoo, e un intre despois, xa sei o que quero disir.
Non sei se me dei explicado.
