Esta semana fixen cocido por primeira vez. Fíxome moita ilusión porque é unha receita desas de toda a vida, de cociñar a lume lento, desas para as que cada vez temos menos tempo, que xa só desfrutamos cando nolas cociña alguén. Unha desas receitas cuxo sabor fainos sentir preto de algo anterior a nós. Acougadas.
Aprendín a facelo unha mañá na casa da miña sogra. Eu estaba tecleando no ordenador namentres ela preparaba os ingredientes e contábame detalles. Os garavanzos a remollo dende a noite anterior… as carnes… o unto… deume a escumadeira e ensinoume a escumar o cocido, funlle sacando capas e capas de escuma escura, ata que o caldo quedou case transparente. E aí quedou a pota, facendo chof chof chof durante varias horas.
Cando cheguei a Galicia non sabía que o cocido aquí era todo un acto social, que a xente ten os cocidos na axenda. Para min era tan só un guiso máis. Se penso no cocido penso sobre todo no da miña sogra, que o cociña varias veces durante o inverno, e tamén no da nai da miña amiga P. que me convidou o ano pasado a tomalo na súa casa da aldea.
Foi un día fresco de outono, unha lixeira borraxeira cubría os camiños. As cabazas repousaban sobre os muros de pedra e o millo xa recollido acumulábase no hórreo. Demos un paseo baixo a poalla e cando volvemos coa humidade metida na roupa pechamos a porta e entón: o calor da cociña de ferro, o ulido a cocido enchendo toda a estancia… e o incrible tamaño daquela pota.
Un día conteille a miña avoa que pensaba facer cocido e contoume como o facía ela. «Pero aquí na casa nunca che vin facelo….», dixenlle, «porque ao avó non lle gustaban os guisos», engadín despois dunha pausa. «Pero aínda que non lle gustasen eu facíaos igual», respondeume ela.
Miña avoa traballou moito tempo nunha cociña, e hai uns anos contoume que, certamente, ela case non cociñaba guisos na casa porque ao meu avó non lle gustaban. «E logo, podías facelos para ti», creo que lle dixen. Díxome que non lle pagaba a pena o dobre esforzo de cociñar distintas cousas para uns e outros.
Agora a súa mente fai reviravoltas, altera os recordos, inventa novas versións do acontecido. Di de si mesma o que lle gustaría ter sido en realidade? Aquel día non a levei a contraria.
Cando preparas un prato coma un cocido tes moi presentes ás persoas que o desfrutarán. Son moitas horas preparando os ingredientes, botándoos na pota no momento xusto, pendente do chof chof chof ata que o caldo comeza coller sabor e textura. A carne a desfacerse, os garavanzos a se entenrecer.
Namentres o cocido estaba no lume a casa foise enchendo de cocido, pero decidín non pechar a porta da cociña, quería que o recendo impregnase cada estancia —a que cocido sabería este? Ao da nai da miña parella? Ao da nai de P.? A que sabería o da miña avoa que nunca probei?—. Unha vez terminada a cocción deixei o cocido repousar e gardeino ata o día seguinte. Deunos para varios días e conxelamos unha parte para máis adiante.
