canto máis creo saber de min mesma menos sei e a promesa do mar de inverno

Volveu o frío. Onte atopeime cuns veciños que viñan queixándose do frío. Típica conversa de ascensor. Un deles dixo que na Coruña en realidade non fai frío, e ten parte de razón, non fai frío en comparación coa friaxe que fai noutros sitios, no interior de Galicia, na montaña de Lugo, en Burgos, na Antártida. Todo é relativo. Pero se comparamos co frío que facía hai uns días pois podemos dicir que fai máis frío dentro da propia escala da cidade. Outra veciña engadiu que é certo, pero que hai que ter en conta o vento. Cando traballaba no último xornal fixen un tema sobre o vento e a súa capacidade para facernos tolear. Unha rapaza de Muxía díxome que ela leva moi mal o vento, que case non sae de casa nos peores días de nordés. Unha pensaría que a xente dun lugar está acostumada ás cousas que acontecen nel. A xente do interior pensa que a xente do norte ama a choiva e saen a mollarse por gusto e así xa aforran na auga da ducha. Eu non me acostumei ao vento, recoñezo que é o que peor levo. O vento e máis a humidade producen un frío moi particular. O termómetro pode dicir que non vai frío pero o corpo di que vaia que non. E despois está o mar de inverno. A ver, o mar de verán é incrible, ese azul dos días solleiros, ese azul é demasiado, non se ten que esforzar, namora a calquera. Pero o mar de inverno, coas as ondas, co estrondo… é outro roio. Nun dos meus primeiros días na Coruña lin un cartel que alertaba do perigo de achegarse ao mar nos días de tormenta. «Quero ver ese mar», pensei —a fascinación polos abismos—. Este ano non tiña ganas de inverno, nin de frío, nin de día curtos, nin de escuridade. Perdoádeme, sei que é un comentario que pode resultar ofensivo, eu xamais pensei que puidera dicir algo así, pero todo é relativo e todo canto cremos ser vese influído ou alterado polas condicións nas que vivimos —e polas nosas hormonas, pero ese é outro tema—. Parece que onte foi San Xoán, o solsticio de verán, os días tan longos que calquera diría que nunca anoitece, a cidade ardendo e ulindo a sardiña por doquier. Eses días metéronseme nas tripas. A maneira na que os lugares están vivos e modifican o que somos é aínda un misterio para min. A maneira na que se rompen as nosas certezas. As nosas crenzas. Quen pensamos que somos. A maneira na que unha lingua fai tamén iso mesmo, alterando dalgún xeito o noso ADN. Só sei que non sei apenas nada do mundo nin de min mesma, canto máis creo saber menos sei. Con todo, hai uns días abrín as fiestras e aí estaba o recendo a mollado, a humidade, unha lixeira bruma, a brisa fresca e a promesa dese mar de inverno, e entón, un fío que parece manterse constante, inalterable.

Leave a Reply