Selección de poemas de Lupe Gómez recogidos en “Os teus dedos na miña braga con regra”.
Quérote
sen que veñas
ao meu carón
como algo fixo.
//
Mentres me fas rir
entras cos teus líquidos
na miña braga
e móllasme de
sexo e auga.
//
Se non foses
sensible
iríame
como unha vaca
soa na miña historia.
//
Vou aos bosques
a amar
e atópome
a min mesma,
perdida.
//
Quero sentar
espida
sobre campos de
vacas e néboa.
//
Chegará un día
que os ríos
saian do seu leito
e nos aneguen
os corpos.
//
Lonxe de min
estaba tamén eu.
//
Ninguén ama.
O mundo mente.
//
Hai esquinas
violentas
na alegría
//
Galicia:
tes a forza
de romperme os ollos