Por fin dou sombra coma as árbores

Poema de Olga Novo titulado “Premontaña” y recogido en su poemario “Feliz Idade”.


Tiven a premonición de que ía devir unha montaña.

Sentín os minerais facer chispas na mente
e fun pián pián ata o centro mesmo da terra
sentir como espatexas e como o útero me medra
ata alcanzar a dimensión exacta
da poesía.

Agora son cóncava ou convexa segundo me mires ti
ou me mire eu:
hai cousas que só se comprenden
levando unha vida dentro.

Tiven a premonición
de que ía devir unha montaña
e a miña mente tectónica percibe
desprazamentos de turba e de lignito
cando xogas co cordón umbilical á corda
e moves os cimentos do coñecemento
e provocas cun xesto
un maremoto amniótico

aquí dentro
onde son
máis que nunca unha poeta
e para sempre unha premontaña.

Miran os grilos e os toupos
e tódolos seres de visión subterránea
como se forma o monte da miña entraña
e a miña emoción bátelles no peito
coma unha raiola de sol nos ollos
que só ven baixo a vida.

Estás ás miñas escuras
por fin dou sombra coma as árbores
e son un río invisible no que aboias coma unha ouca.

E síntome ladeira
e sinto que me soben a pé seres que descoñezo
sinto que me repta o saber
que se me pousa enriba unha nevarada
coma se a inmensa xeoloxía do amor me fora revelada

e a miña preñez cumprise
a soberbia intuición
de que ía devir unha montaña.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s

%d bloggers like this: