ogallá unha corda feita en Lothlórien: sobre carrexar unha corda

«Ogallá ter unha corda feita en Lothlórien», penso mentres ando a carrexar unha das cordas coas que escalamos durante o día.

A corda, de cor azul, suave, recoñezo que agradable ao tacto, é dunha amiga que tiña que marchar antes que as demais. Non nos decatamos de que a súa corda aínda estaba pendurada no descuelgue dunha das vías que dixemos que desmontaría eu máis tarde. Ficamos todas caladas, mirando a corda, coma se puidera desprenderse e baixar soa, ata que esta amiga rachou o silencio e dixo: «Non pasa nada, xa ma daredes outro día».

E así, ela marchou, e aí quedou a súa corda, agardando, percorrendo todas as cintas expréss da vía, máis as dúas contrapeadas nos químicos do descuelgue. Abaixo, un cabo pendurando contra a parede, e o outro no chan, atado nun nó sobre si mesmo ao final das voltas e reviravoltas do propio corpo serpentil da corda.

As cordas son unha especie aparte: hai que coidalas, limpalas e gardalas ben; se non prestas atención acaban envurulladas sen saber como. Antes de escalar e entre escaladas, está ben «pasalas», é dicir, percorrelas dun extremo ao outro para asegurar que non haxa nós no medio. Mesmo así, ás veces ocorre que estás asegurando e aparece un nó da nada. As cordas teñen vida propia. Son testalanas.

De feito, existe unha técnica toda para recollelas, atalas, e gardalas ben, coa promesa de que seguirán así cando volvas por elas. Nunca se sabe.

Ese mesmo día outra amiga asegura que xa vai xubilar unha das súas cordas. Está áspera, dóbrase de maneira irregular sobre si mesma, e pasa con moita dificultade polo grigri (dispositivo de aseguramento en escalada). Fala das cordas coma quen fala dun vello coñecido de quen xa se ten conta das súas teimas.

Outro aspecto nada menosprezable das cordas é o seu peso. Porque, aínda que puidera non parecelo, as cordas pesan, é moito! Cando sostés entre as mans con inocencia e alegría un extremo da corda, non poderías pensar canto pesa a corda no seu conxunto.

Por iso, mentres vexo a esta amiga marchar, e a corda ficar na parede.

Ela marchando e a corda pendurando.

Ela afastándose e a corda permanecendo.

Cando me decato de que serei eu a encargada de carrexala.

E máis aínda, cando xa coa corda gardada, situada na parte superior da miña mochila,

cando xa coa mochila ao lombo camiñamos de volta,

con cada paso sobre a grava e as pedras,

con cada subida do terreo,

con cada baixada e nova subida,

e nova baixada,

penso no rabudas que son as cordas,

e que ogallá ter unha corda feita en Lothlórien.

Unha corda «longa, forte e liviá», unha corda de hithlain, feita polos elfos, como a que carrexaba Sam na mochila, tan tan liviá que nin se decatou de que a levaba consigo! Pero tan tan forte como para permitir o descenso nunha escarpada cresta das Emyn Muil entre a escuridade, a choiva e a saraiba e mentres «o trono retumbaba e ruxía ao lonxe».

E non só! Unha corda, ademais, que descende soa cando se a chama! SOA!

Así si, oh, así si.

Leave a Reply