Foliadas: terceiros (ou segundos ou primeiros) espazos

Relendo o Señor dos Aneis fíxome na importancia que teñen as cantigas e poemas para os diferentes pobos da Terra Media. Ao longo de toda a obra son moitos os momentos nos que as diferentes personaxes recorren a cancións para explicar algo, traer ao presente vellas historias, ou quentar o corazón das xentes.

Un deses momentos é a pasaxe na que Sam penetra nunha torre orca na procura de Frodo, que foi capturado tralo ataque de Elaraña. Nun momento dado, desesperado e esgotado, séntase nunha escaleira e coa cabeza baixa comeza a cantar unha pequena canción da Comarca. 

«E entón, ante a súa propia sorpresa, no termo da súa longa e inútil viaxe e do seu sufrimento, movido por non sabía que pensamento, Sam comezou a cantar». Ese acto sinxelo encheulle «dunha nova forza» e, de feito, Frodo escoita ao lonxe ese canto e grazas a iso é que se encontran de novo. 

Bailando e tocando a pandeireta, en clase, e sobre todo nas festas e foliadas, vou entendo cada vez máis o valor que reside nese acto comunitario de contar historias e poñerlles un ritmo e un son que facilite que sexan recordadas e repetidas no tempo, así como divertirse e gozar máis do momento. 

Falaban esta mañá na radio sobre terceiros espazos, eses que máis aló do fogar e do traballo permiten a interacción social relaxada e a cohesión da comunidade. Penso que as foliadas ou encontros deste tipo actúan desa maneira e, ademais, logran algo que considero relevante: xuntar a persoas de distintas idades e xeracións, de nenxs a vellxs.

É o da foliada un terceiro espazo que ten ademais a vantaxe de que o levamos nós con nós mesmas, e podemos xeralo alá onde vaiamos. Un pouco, penso, como o que xeramos cando nos xuntamos a escalar. Terceiros espazos, ou igual pode que sexan segundos ou mesmo primeiros, segundo o momento.

Unhas fotos que fixen na foliada do Camping Lago Mar de Muxía:

Leave a comment