Chégame por varias vías un artigo de eldiario.es titulado “La cultura de quedar para ponerse al día con amigos”. Léoo e sinto un punto de desacougo. Repaso como son a día de hoxe as miñas relacións de amizade, son desa maneira? Non compartimos vida? Quedamos só para actualizarnos? De primeiras penso que en parte si, pero co paso das horas, mentres vou dixerindo a información, non o vexo tan claro.
As mulleres da miña familia nunca tiveron moitas amigas. Tampouco as nais das miñas amigas. Todas elas levaron vidas moi vencelladas á familia —de sangue—. Avoas, tías, curmás… si, pero amigas como tal, non houberon tantas. Porén, penso que na miña xeración e as lindantes fomos quen de poñer a amizade nun lugar moi central das nosas vidas. E pode que moito máis no caso das mulleres.
Coido que temos máis amigas, e facemos moita vida con elas. Concordo con que os ritmos de vida actuais dificultan que vivamos máis vida cotiá con amigas e amigos, pero tamén ocorre que, precisamente por ter máis amigas e amigos, é máis difícil ver de maneira habitual a todas e cada unha delas. Porque, ademais, pertencemos a xeracións que se moven moito, polo xeral traballamos todas fóra da casa, e non sempre vivimos próximas as unhas das outras.
Por iso tamén penso que esta análise parte dunha mirada moi urbana. Non estou segura de que en cidades e vilas máis pequenas, no rural, ou mesmo no contexto dun barrio, —espazos todos eles onde as casas dunhas e outras están máis próximas—, sexa da mesma maneira. A miña avoa e tías víronse e fixeron algo de vida con veciñas si —esas foron sobre todo as súas amigas— pero era así xusto porque vivían próximas as unhas das outras.
Respecto ao tema da comunicación vía internet, se ben concordo con que nos pode levar a manter relacións superficiais e non sacar tempo “real” para vernos cara a cara, tamén penso que en moitos casos está a permitir que se manteñan vínculos que de outra maneira se perderían, e pode que dunha maneira máis profunda do que podería parecer.
Internet permite tamén que manteñamos ou queiramos manter relación cunha cantidade de xente moito máis grande, relacións que antes morrían por mor da distancia, agora se manteñen dalgunha maneira, e non se pode vivir de maneira cotiá con tal cantidade de persoas —aquí tamén penso na miña experiencia persoal vivindo a cabalo entre dous lugares, e con amigas repartidas en aínda moitos máis puntos distantes entre si, coas que manteño de feito unha relación bastante diaria e próxima grazas a internet—.
Pode que descolgar o teléfono —experesión que xa case non garda relación coa realidade de como se usa un teléfono— fose mellor ¿? que mandarnos audios a través dunha app de mensaxería, pero os audios, as videochamadas, e as mensaxes de texto penso que si permiten un acompañarse cotián con moitas desas persoas, e que vai moito máis aló dunha simple actualización de estado.
O que si mudou, apúntame unha desas amigas distantes —pero só no físico— nun dos audio que nos intercambiamos de maneira habitual a pesares da distancia, —neste caso para compartir reflexións arredor desta cuestión—, é a espontaneidade. Agora planificamos máis, é certo, non chamamos e a ver se nos collen, como igual faciamos máis hai uns anos, pero iso tampouco ten por que ser negativo per se.
Ela tamén cuestiona nun dos seus audios porque ese quedar para falar é moi diferente do que se fixo sempre —lembra que a súa avoa tiña unha unidade de amiga coa que quedaba sobre todo para falar—, e por que debería ser considerado negativo. Nolas dúas compartimos sobre todo conversas, e na distancia, pero temos moita intimidade compartida.
Mentres lle sigo a dar voltas a cuestión veñen dúas amigas a casa a merendar e tocar a pandeireta —e a actualizarnos a vida tamén—; e outro día vou a aldea dunha delas a comer cocido coa súa nai e pasar outra tarde de café e pandeireta. Sentímonos coma se tivésemos 15 anos e tivésemos quedado a facer a tarea. Aprendo a usar unha cociña de ferro (e a quentar o lombo nela heh), entro por primeira vez nun hórreo (heh), e sinto que é unha mágoa non ter aldea (nin nai), pero que é unha sorte ter amigas e tantas outras nais. Penso que estas cousas son compartir vida. Aínda que si, é certo, todas quereríamos vernos máis. E para min a cuestión reside aí.

Entón, estamos a vivir un mal momento para amizade? Non diría iso. Penso que o texto nos remexe porque toca no malestar compartido que estamos a sentir por vivir en sociedades aceleradas, de consumo, pantallas, e nas que demasiado xira arredor do traballo. É xeralizado o sentir de que non lle podemos adicar máis tempo ao que de verdade queremos.
A aceleración na que vivimos afectálle a todos os eidos das nosas vidas, polo que tamén lle afecta as nosas relacións. Pero se boto a mirada a un pasado moi recente e observo as vidas das mulleres máis maiores do meu arredor, creo que no referido a amizade melloramos moito, a camiñamos cara a un presente no que cada vez lle damos máis importancia a amizade.
Porén, momento que estamos a vivir, no que parece que todo é retroceso, e todo o que nos chegan son reflexións que dan conta de todo o que estámos a perder, está ben fixarse tamén no que acadamos, e en todo canto mellorou. Corremos o risco de romantizar e termos nostalxia dun pasado que non foi mellor.

Eu non teño aldea
pero teño amigas
con moitas aldeas
ás que me convidan
ás que me convidan
ás que me convidan
eu non teño aldea
pero teño amigas.