(I) Amencemos na aldea dunha amiga; de noite, o son dun forte temporal; de día, os tellados mollados, o sol asomándose entre as nubes xa algo desfeitas, as pingas aínda escorregando por fóra das fiestras. Almorzamos e falamos cos ollos aínda con legañas, vestímonos e saímos fóra a ver a que ule o día e coa intención de escalar un dos muros da casa. Facemos travesía dun lado cara o outro, fantaseamos con escalar outro día o hórreo que está xusto detrás. Escalamos ata que comeza poallar de novo.
(II) Vai pasando o día sobre A Coruña; pola mañá, rúas molladas, cheiro a humidade; pola tarde, ceos despexados, vento do suroeste. Achegámonos ao Dique de Abrigo co crashpad nas costas, non temos croquis pero xa nos lembramos dalgunhas liñas. Todas acaban cun obrigatorio mantel para subir enriba do muro. Ese último paso sempre dá un chisco de medo pero, despois, ábrese o océano todo doutro lado. Nunha das subidas, quédome deitada enriba sentindo o vento pasar por riba de min. Escalamos ata que as nubes volven, e os primeiros pesqueiros abandonan o porto.
(III) Espreguízase o día e todas as predicións dan choiva, conducimos dirección Lugo para tentar escalar nun lugar que quedará protexido da auga grazas ás montañas. É unha escola de escalada deportiva, con vías de cuarcita de ata 30 metros. Poñemos os arneses, sacamos a corda, comezamos cuns quintos de menor altura, a escalada é sinxela, non hai medo, a sensación de avance pola rocha resúltame moi agradable. Máis tarde probamos uns sextos de maior altura, a escalada aumenta un pouco de dificultade, pero segue a sentirse ben. Subo, subo, subo deixando á miña aseguradora cada vez máis lonxe. Arriba, o vento sopra con forza, e impresiona.
Escalar, cada vez gústame máis. Facer boulder, facer corda, escalar o que está inmediatamente dispoñible: un muro, un dique, unha vía de 30 metros. Eu comecei facendo bloque e teño dentro a sensación de que iso “é o meu”, que “eses son os meus”. Pero en Galicia atopeime con moita xente que é “máis de corda”, e tamén con moita xente que lle dá a todo, e eu estou a sentirme cada vez máis parte deses últimos. Quero darlle a todo!

En teoría o adestramento para unha e outra cousa é diferente, para “destacar” no bloque debes adestrar un tipo de cualidades, e para “destacar” na escalada deportiva, outras. Pero eu teño visto a persoas “destacando” nas dúas, e que pasa se o que buscas non é “destacar”? Na miña experiencia absolutmente persoal, toda escalada lle aporta algo á outra, e o boulder e a deportiva —falo destas dúas modalidades porque son as que eu coñezo— comunícanse entre elas e teñen moito que dicirse.
Facer boulder encántame, paréceme moi divertido resolver problemas, buscar a maneira de levantarse dun sitio que semella imposible, gústanme os movementos explosivos, retorcerme sobre min mesma, e gústame moito a parte colectiva, o ambiente que se xera abaixo, nas colchos, o apoio dos demais cando alguén está escalando, dar pegues, pegues, pegues ata que ao final alguén dá coa tecla e o imposible de súpeto parece accesible. Gústame a súa faceta… democrática? Que calquera poida unirse ou saír do xogo en calquera momento.

E cada vez gústame máis facer corda. Gústame a sensación de ascender pola parede, atopar formas e buscar cómo pasar por elas e seguir cara arriba, gústame poder estar, por así dicilo, máis tempo en contacto coa rocha, soa, en silencio, escoitando a propia respiración, tomando decisións no momento, cunha mesma, chegar ata arriba, sentir un chisco de vértixe, pero tamén gozar das vistas. É unha experiencia moi diferente, case mística, moi introspectiva. Gústame tamén todo o tema dos nós e os cacharros, asegurar aos compañeiros e compañeiras, o vículo que se xera nese momento. A cordada.
Porén, da corda botoume moitas veces cara atrás xusto iso: a cordada. Máis ben, o pechado en ocasións da cordada. En boulder é dabondo con ter un crashpad e xa se pode sumar a escalar quen queira, pero para facer corda fan falta polo menos dúas persoas que se aseguren mutuamente, e que se sintan cómodas nos seus respectivos roles. Iso fai habitual que se acaben xerando cordadas case pechadas, moitas veces no seo da parella —da parella no sentido romántico—.

Con todo, teño amigas e amigos que son parte, por así dicilo, habitual, dunha cordada máis específica, pero que tamén escalan con moitas outras persoas sen problema. Grazas precisamente a unha desas amigas é que eu puiden achegarme máis a corda e comezar a collerlle o gusto. Ademais, as amigas que escalamos a miúdo xuntas na Coruña decidimos que queríamos converternos todas en compañeiras de cordada, unha cordada por pezas, multifacética, de modo que puidésemos configurarnos de distintas maneiras segundo quen estivese dispoñible para escalar.
Sexa como for, o que non quero é deixar de probar algo e abrirme a súa experiencia por mor dos prexuízos. Non quero participar da loita de que tipo de escalada é máis pura, máis escalada. Quero escoitar todo o que as unhas e as outras escaladas queiran dicirme. E seguir escalando, escalándoo todo.