Voy a gastar en mirar al cielo todo el tiempo que me queda

Escribo dende o salón da miña casa na Coruña, a noite de borrasca deste sábado deu paso a unha mañá de domingo solleira e chea de paxariños, fai un fermoso día e eu escribo coa emoción de mil bolboretas no bandullo. O motivo? Estou emocionada por comezar este texto, o primeiro da nova vida que lle quero dar a este espazo.

Tomei a decisión onte, conducía pola A6 en dirección Lugo para pasar un día de escalada nun fermoso recuncho entre as montañas, e ía escoitando as últimas dúas cancións da cantautora Ede. Unha delas, chamada La vereda, fala do cansazo colectivo por mor desta carreira cara a ningures na que semella que estamos todas e todos metidos.

Di así: “Y no sé si llego, no sé si quiero llegar, no sé si encajo en esta maldita velocidad. Mientras ellos echan a correr yo me espero en la vereda, voy a gastar en mirar al cielo todo el tiempo que me queda”.

Tras un ano de silencio Ede compartiu hai unhas semanas un texto no que anunciaba a creación deste novo álbum, o seu segundo traballo. Ademais, compartiu algo en aparencia sen importancia: a ligazón a un blog coma os de antes, no que, explicou, iría contando cousas máis detalladas do seu proceso de creación. Porén, non quería deixar a ligazón en ningures, e no canto diso, dixo que lle facilitaría a dirección a quen lla pedise. Ela mesma quedou abraiada coa cantidade de xente que lla pediu.

Ede tomou este decisión —dixo— dende a fartura cos ritmos das redes sociais comerciais e da industria musical, e tamén da obriga de ter que promocionar o seu traballo dun modo moi concreto para ser vista un pouco.

Hai uns días estaba no aeroporto de Madrid agardando para coller un voo de volta a Coruña. Por mor da néboa atrasárono e na espera linme todas as entradas dese blog, e tamén escoitei esas primeiras dúas cancións dese novo traballo. Dende que compartira o do seu blog, non lle deixei de dar voltas á idea de facer algo así, e nese momento sentino latexar forte dentro.

Có exodo de Twitter eu marchei para Mastodon e tamén para Bluesky, namentres sigo en Instagram non sen pesar e conflicto, pero seguía botando en falta un espazo de escrita online, e por iso hai mes e algo abrín unha conta en Substack para probar. Con todo, esta plataforma non me termina tampouco de encaixar e, segundo me comentou unha amiga, dende España é difícil xestionar ben o tema da facturación dos suscriptores —unha das principais vantaxes desa plataforma—.

E por iso estou hoxe aquí, neste espazo que abrín como un lugar onde compartir poesía e que a partir de agora vai ser iso, pero tamén un blog coma os de antes, onde compartir poesía pero tamén pensamentos, reflexións, textos máis longos, ideas, crónicas de días de escalada… a miña intención é verter aquí todo iso que agora vai para as redes sociais e empregar as redes máis como un escaparate, quitándolles importancia e presencia na miña vida.

Non sei cara onde me levará e é posible que acabe cansa nun momento dado, pero non importa! A vida é experimentar! E probar! E xogar! Igual que na escalada!

En canto a iso, como dicía, onte ía conduncido pola A6 camiño dese sector. Un sector de cuarcita entre as montañas, de vías de distintas alturas, ata os 30 metros. Fomos ata alí buscando fuxir da choiva, e lográmolo. Iso si, a medida que foi avanzando o día as nubes e o vento comezaron a anunciar a borrasca que estaba por chegar… e ata acabamos poñendo os plumíferos!

De volta, tras tomar unha cocacola e unha tapa nun bar cercano, conducía cos músculos cansos pero a cabeza axitada con moitos pensamentos. Por unha banda, o de reconfigurar este espazo, pero tamén pensaba nas boas sensacións que teño últimamente escalando, e no que me gusta poder escalar e practicar distintos estilos, gozar do bloque, gozar da deportiva, do tacto da corda, aprender os tipos de nós… Estes temas, para outro post.

Leave a comment