notas ásperas xorde (I) das ganas de seguir a compartir en internet á marxe das redes sociais comerciais. Naceu coma un espazo onde compartir poesía, pero está a mudar cara a outro lugar, para ser un blog coma os de antes?
(II) Polo tanto tamén nace da nostalxia dunha internet que pode que nunca existise, pero imaxinamos e agora parece materializarse un pouco niso chamado fediverso.
(III) Nace, claro, da fartura polo funcionamento desas redes sociais comerciais, que gañan cartos coas nosas emocións, desexos e inquietudes, e que beben da urxencia e da instantaneidade, da falta de reflexión e repouso.
E (IV) sobre todo, dunha angustia concreta: a que produce a invasión do efémero, e que se materializa de forma moi tallante neses espazos nos que o «todo» é sepulto por «todo o seguinte».
escribo aquí como unha forma de xerar certa ancoraxe:
ata os barcos que habitan o mar necesitan da terra.
En canto min, o meu nome é Laura M. Mateo, adícome profesionalmente ao xornalismo, a escritura e a comunicación. A parte diso, que é o que aparece no meu CV, quero crer que son outras moitas cousas, aínda que seguro que algunhas tamén as son en parte por todo iso. Nese «aparte» entran a poesía, a escalada, a montaña, e todas as persoas que compoñen os meus días. Sempre me gustou a tecnoloxía, pero cos anos funme interesando máis nos usos que facemos e as repercusións que eses usos teñen en nós e na nosa saúde mental, ata chegar a un punto de inflexión que é no que se xera este espazo aloxado nalgún servidor de a saber onde. De maneira concreta dicir que este .com naceu entre dous puntos físicos: Madrid -a miña cidade natal- e A Coruña -a miña cidade elixida, o meu agora fogar-. Por iso conviven textos en castelán e en galego, porque o castelán é a miña lingua nai, e o galego a miña lingua nai-adoptiva e na que agora vivo a meirande parte dos meus días, polo que vou escribindo nunha ou outra lingua segundo me sae no momento.
Nese contexto nace esta web
que é un vivac
para cartografiar os ceos
propios e alleos.